Monday 29 de April de 2024

A Xunta e a FAXPG colaboran para fomentar a accesibilidade das persoas xordas nos actos institucionais


O vicepresidente, Alfonso Rueda, e o presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, Iker Sertucha, asinaron un convenio de colaboración

O vicepresidente, Alfonso Rueda, e o presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, Iker Sertucha, asinaron hoxe un convenio de colaboración para o fomento da accesibilidade das persoas xordas e xordo cegas en actividades institucionais durante o ano 2016. O acto foi na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra e contou coa presenza do delegado, José Manuel Cores Tourís.

O convenio establece que ambas entidades colaborarán para facilitar os medios persoais necesarios -fundamentalmente intérpretes- co fin de garantir o acceso á información do colectivo ao que representa a FAXPG. Ademais, a Federación dará publicidade destes eventos a través da súa páxina web e ofrecerá accións formativas de linguaxe de signos española ao persoal da Vicepresidencia.

Vicepresidencia colabora desde hai anos coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, especialmente a través dos departamentos de Igualdade e Emerxencias. Precisamente, en 2014 a AXEGA e a FAXPG asinaron un acordo para facilitar o acceso aos servizos de emerxencias das persoas con discapacidade auditiva e da fala. Desde aquela, este colectivo accede ao teléfono 112 en Igualdade de condicións, a través de mensaxes e chats de texto.

Tres décadas mellorando a vida das persoas xordas en Galicia
A FAXPG é unha entidade sen ánimo de lucro fundada en 1979 que ten como misión “xerar as condicións que, tomando como base a identidade xorda e a súa diversidade, aseguren o desenvolvemento global das persoas xordas e xordo cegas de Galicia en condicións de accesibilidade universal e igualdade de oportunidades”.

De forma específica, a FAXPG ten como un dos seus fins estatutarios “fomentar a accesibilidade universal das persoas xordas e xordo cegas en todos os contornos, públicos e privados, asegurando o pleno acceso á información e á comunicación”.

Neste senso, a FAXPG fomenta a autonomía e a independencia das persoas xordas e xordo cegas a través de actuacións orientadas á eliminación das barreiras de comunicación en todos os ámbitos e, de forma específica, nos contornos públicos e institucionais.

O principal instrumento para a eliminación das barreiras de comunicación no ámbito das relacións institucionais e a participación nos contornos e actividades derivadas de estas é o “Intérprete de lingua de signos española e guía intérprete de persoas xordo cegas”. O ano pasado houbo presenza destes profesionais en actos tan variados da Xunta como as Medallas Castelao, os Premios do Deporte Galego, o lanzamento do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020 ou o Día Internacional da Muller.